Select Page
Que tedes que saber de Noites Abertas?

Noites Abertas é un programa de lecer nocturno para os venres e sábados do primeiro semestre do ano e que puxo en marcha o Concello de Pontevedra no ano 1999, polo que vai pola súa XIX edición.

Trátase dunha oferta gratuita de lecer con actividades construtivas, divertidas e interactivas, onde a mocidade pode participar achegándose en grupo ou individualmente e baseada na comunicación e o intercambio cultural entre mozxs de diferentes idades, gustos e intereses. Desenvolve as súas actividades en diferentes espazos da cidade e durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril.

Destinatarixs: o programa vai dirixido á poboación nova entre os 12 e 30 anos, que se atopa en Pontevedra durante a fin de semana, mais vós en cada actividade podedes especificar o intervalo de idade concreto ao que pensades dirixila (maiores de 18, maiores de 16…), se non o facedes, entenderase que se dirixe a todo o rango de idades de Noites Abertas.

Calendario e horario: venres e sábados dende o 26 de XANEIRO ata o 28 de ABRIL de 2018 agás os festivos 10 , 17 de febreiro, 30 e 31 de marzo.

O horario marcarase entre o intervalo das 20 e as 00,30h da noite, dependendo da xornada. Cada actividade proposta especificará o seu horario concreto (1 hora, 2 horas ou 2,5horas como norma xeral) tendo en conta duración que considera máis adecuada e o perfil de participantes a quen vai orientada.

Algunhas das actividades poden ter lugar, excepcionalmente, en horario diurno os sábados pola mañá, sempre e cando sexa imposible realizalas de noite e sexa acorde coas características e fins do programa.

Quen pode presentar propostas?

Toda persoa, colectivo ou entidade que o desexe, mentres cumpra os requisitos básicos: ser unha proposta da mocidade e lúdica. Estableceranse criterios de selección entre as propostas recibidas, polo que terán preferencia as presentadas por mozxs a título individual ou a través de grupos e colectivos informais, asociacións, clubes deportivos e empresas, por esta orde.

Que requisitos teñen que cumprir as vosas propostas de actividades?

Para presentar a proposta tedes que encher o formulario on-line dispoñible na nosa web www.noitesabertas.gal xunto co arquivo descargable.

As actividades deberán ser de carácter socioeducativo (educación para a saúde, a igualdade, ambiental… ), sociocultural (promoción da cultura galega, da interculturalidade e diversidade cultural, arte, música, teatro, gastronomía, xogos,…) ou físico-deportivo.

Todas as actividades deberán ser inclusivas, non sexistas, participativas e lúdicas, favorecendo as relacións interpersoais e o traballo en equipo.

Ao non requerir inscrición previa, as actividades terán que contemplar sesións independentes que non esixan ter participado nas sesións anteriores, xa que debedes ter en conta que a xente pode repetir ou ser diferente cada día.

Todas as propostas teñen que vir acompañadas do curriculo dxs monitorxs que impartirán as actividades, o cal recollerá o perfil formativo ou experiencia adaptada á actividade que desexa impartir.

De ser admitida a vosa proposta, priorizaranse aquelas onde o seu monitorado asine o COMPROMISO DE PARTICIPAR NA FORMACIÓN EN XÉNERO IMPARTIDA POLA COMISIÓN DE IGUALDADE DE NOITES ABERTAS. Non será necesario asinar este compromiso no caso de monitorxs que xa pasaron por esta formación no ano 2017 ou no 2016.

Obxectivos xerais de Noites Abertas
  • Proporcionar á mocidade unha alternativa de ocio de fin de semana que propicie espazos lúdico-educativos e de encontro, que permitan promover pautas de ocio saudable.
  • Favorecer a participación activa da mocidade no deseño e organización de actividades, de xeito que non sexan simples destinatarios e pasen a ser protagonistas do seu propio lecer.
  • Aplicar o principio de igualdade de oportunidades introducindo a perspectiva de xénero dende o ocio e o tempo libre.
  • Favorecer a igualdade de oportunidades introducindo medidas que favorezan a inclusión social de determinados colectivos xuvenís e de persoas con necesidades específicas.
  • Fomentar o emprego xuvenil e as condicións persoais de acceso ao mercado laboral.
Lugar e data de presentación de propostas

A Coordinación de Noites Abertas está á vosa disposición para orientarvos e axudarvos na elaboración de propostas. Podedes consultar dúbidas concertando cita coa coordinación de Noites Abertas na Oficina de Xuventude ou chamando ao 986 840367 en horario de 9 a 15h. Tamén podedes facelo a través do seu e-mail noitesabertas@pontevedra.gal

PRAZO DE PRESENTACIÓN: do 13 de outubro ao 7 de novembro de 2017
LUGAR DE PRESENTACIÓN:
Oficina de Xuventude do Concello de Pontevedra (Coordinación de Noites Abertas)
Casa da Luz, pza da Verdura, s/n 36002
Teléfono 986 840367
Mail: noitesabertas@pontevedra.gal
Web: www.noitesabertas.gal

Documento información complementaria en formato .doc

Documento información complementaria en formato .pdf

Formulario para presentar propostas

Share