CONVOCATORIA DE PROXECTOS PARA NOITES ABERTAS 2016

0
51

O PROGRAMA MUNICIPAL DE OCIO “NOITES ABERTAS” ABRE O PERIODO DE RECEPCIÓN DE PROPOSTAS-PROXECTO PARA DESENVOLVER ACTIVIDADES NA PROGRAMACIÓN 2016

A Concellaría de Xuventude do Concello de Pontevedra convoca a todas as entidades, asociacións, colectivos,grupos xuvenís e mocidade de Pontevedra interesados en participar na elaboración de proxectos-proposta de actividades, a unha reunión informativa o luns 5 de outubro ás 19,30h. no salón de actos do Pazo da Cultura.  Con esta metodoloxía de traballo o que se pretende é que os propios mozos e mozas sexan protagonistas do seu ocio, dándolles a posibilidade de participar activamente no deseño de actividades e así poder compartir con xente da súa idade, intereses e afeccións diversas, tan diversas como é a xuventude.

Para o deseño de propostas, a coordinación do programa Noites Abertas dispón de modelos de formularios explicativos que pretenden facilitar o mecanismo para deseñar un proxecto, á vez que establecen a filosofía e os obxectivos do programa, os criterios de selección de propostas e o calendario que vai ter esta XVII edición deste programa municipal que comezou a súa andadura alá polo 1999.

As propostas deseñadas poden ser de actividades deportivas, culturais, obradoiros de diverso tipo, rutas, xogos… sempre respondendo aos fins de Noites Abertas. O ano pasado recibíronse 230 propostas das cales saíron 117 actividades distintas e rexeitáronse 113. Este ano prevese un novo incremento dos proxectos recibidos.

Por outra banda, máis un ano, manteremos reunións informativas co alumnado maior de 16 anos de todos os IES públicos de Pontevedra co fin de explicarlles a posibilidade de presentar os seus propios proxectos de actividades para o programa, e así, dar o paso e ser monitores/as e non limitarse a ser usuarios/as do programa. As charlas nos IES sucederanse ao longo da primeira quenda do mes de outubro, nas datas acordadas cos centros educativos colaboradores.

O prazo para a presentación de propostas abrirase do 5 ao 30 de outubro. No mes de novembro a coordinación do programa fará a selección das propostas definitivas, para pasar a unha nova fase de programación concreta das actividades seleccionadas, e configurar así o calendario definitivo para comezar máis cedo ca nunca, o venres 29 de xaneiro de 2016.

O modelo de formularios para deseñar propostas poderá descargarse en  www.noitesabertas.gal e www.xuventude.pontevedra.eu ou ben solicitalo na Oficina de Xuventude na Casa Azul, rúa Sor Lucía 2, 3º , 986 840367 xuventude@pontevedra.eu . A atención telefónica será só en horario de mañá, mais poderá concertarse entrevista noutros horarios para axuda e asesoramento no deseño das propostas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here