Nota de prensa FESTA FINAL NOITES ABERTAS 2015

0
83

DESPÍDESE A DÉCIMOSEXTA EDICIÓN DE NOITES ABERTAS COA FESTA FINAL QUE TERÁ LUGAR NO CASINO MERCANTIL DE PONTEVEDRA CON ACTUACIÓNS MUSICAIS, EXHIBICIÓNS DE ACTIVIDADES E A ESTREA DO DOCUMENTARIO REALIZADO POR TELENOITES “15 ANOS E PICO DE NOITES ABERTAS”

Mañá sábado 25 de abril, Noites Abertas pon o broche final á súa 16ª edición cunha gran festa, que debido á previsión de mal tempo, trasládase da praza Curros Enríquez ao interior do Casino Mercantil e Industrial, colaborador do programa.

A festa comezará a partir das 18h. aínda que un pasarrúas previo iniciará o seu percorrido ás 17:30 polas rúas e prazas da cidade para rematar no Mercantil e iniciar a festa xunto co obradoiro de Hulla hoop e unha exhibición de danza contemporánea.

Nesta festa un dos momentos máis esperados será a presentación pública e estrea mundial do documentario que leva por título “15 ANOS E PICO DE NOITES ABERTAS” realizado por TeleNoites e que trata da traxectoria de 16 anos de Noites Abertas en Pontevedra. Veremos imaxes e persoas que participaron ao longo deste tempo neste proxecto municipal. A estrea terá lugar ás 18:30h. co pase da primeira parte do documentario que se intercalará co desenvolvemento das diferentes actuacións.

festa final 2015 con horarios

A partir das 18:50 actuará o primeiro dos grupos do Local de Música, ANODHOR, grupo de mozos onde algúns dos seus compoñentes tamén son monitores de actividades do programa e que fusiona folk e heavy cun estilo peculiar e persoal.

A partir das 19:40h actuará outro grupo de mozos “COMO EL JUEVES”, usuarios do Local de Música e tamén de Noites Abertas, que foron preseleccionados para o FEST2015. E mentres ten lugar esta actuación, participantes da actividade de Desinhibición de rúa desenvolverán unha das súas escenas preparadas nas Noites Abertas.

Posteriormente ás 20,30h. actuará VÍA SETE CORO, un coro moderno que xurdiu das actividades de Noites Abertas e que xa conta con máis de 30 compoñentes. Vía Sete Coro de Pontevedra acaba de ser seleccionado para participar no programa televisivo Oh Happy Day da TVG , onde se reúne a corais de todas as idades e de todos os lugares de Galicia.

Finalmente, actuarán THE SOUL BREAKERS , grupo gañador do premio do público do certame FEST 2015 que tivo lugar o 11 de abril no Teatro Principal e onde competían 8 bandas de música.

Así Noites Abertas porá fin a esta nova edición onde a participación segue a medrar con respecto a outros anos; no que levamos de programa, e sen contabilizar as actividades da última fin de semana onde tamén ten lugar a festa final, son xa 5.428 os mozos e mozas que pasaron polas súas actividades (o ano pasado a estas alturas eran 4.385).

A avaliación final de resultados exporase publicamente en breve, tras a recollida dos datos de participación desta derradeira fin de semana. Coma sempre, Noites Abertas fará unha reunión do Foro Aberto, integrado por todas as entidades e monitorado participante na última edición, onde se analizan os datos de participación e se tratan temas organizativos de cara a recoller propostas de mellora para vindeiras edicións. Esta reunión terá lugar no Pazo da Cultura e nunha data próxima no mes de maio, cando se teña pechado o informe de avaliación con cuxos datos se traballará en dita reunión, xa que este programa se caracteriza pola participación activa de toda a xente que se implica no seu desenvolvemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here